XUIZO A DON JUAN MANUEL E Ó CONDE LUCANOR


Mural creado polo alumnado de 4º de Primaria durante a clase de Plástica

Para celebrar o 25 de novembro.

Durante este mes de novembro estamos moi sensibilizados respecto ó Maltrato de Xénero. Un tema que, durante moitísimo tempo, estivo aceptado socialmente e, incluso, era políticamente correcto na literatura.

Pensando en como vencellar o 25 de novembro co noso PDI deste curso (Palabras que trae o mar) chegamos ata os contos do Conde Lucanor, a marabillosa obra escrita por Don Juan Manuel, casi coetáneo de Martín Códax. Resultou que o conto XXXV (Lo que sucedió a un mancebo que casó con una muchacha muy rebelde) constituía un exemplo clarísimo de maltrato psicolóxico. Como facer para convertir este texto nunha oportunidade para recoñecer, reflexionar e rexeitar a violencia contra as mulleres?

A solución foi enxuiciar ó autor. 

Así, os alumnos de 5º e 6º dividíronse por grupos. Constituían unha brigada criminal que tiña que buscar as probas do delito. Para iso, entregóuselles o texto (practicamente enteiro) do conto. 

Unha vez lido, como fiscais, debían indicar os cargos que se imputaban ós personaxes: mancebo, muller e familia. 

Finalmente, o xuiz impoñía unha pena: redactar o conto doutro xeito, evitando os episodios violentos. 

Idéntico proceso seguiron os alumnos de 3º e 4º de Primaria, aínda que en gran grupo e cunha versión adaptada pola Maga Tomasa para a ocasión. 

Que dicir con respecto á actividade...?

En  primeiro lugar, os rapaces sentíronse impresionados: eles mesmos comentaron a dureza do texto. Pero, ó mesmo tempo, entenderon perfectamente que o maltrato animal (co que estaban moi sensibilizados) non era máis que unha estrataxema para manipular o pensamento da muller, quen, en realidade, estaba padecendo maltrato psicolóxico

Algúns espabilados salientaron tamén o feito de que, ó principio do relato, se calificara á muller de "diaño", ou que o home casara con ela polo seu diñeiro, e non por amor. Isto deunos pé a falar sobre a actitude do grupo social, que, en moitas ocasións, alimenta estas conductas inadmisibles co peso do costume, cos comentarios ou coa indiferenza. 

Tamén comprendimos que a muller era unha vítima. Aínda que suliñamos a importancia da denuncia, xa que o calar só contribúe a reforzar o papel do maltratador. 

Todo isto, nun diálogo moi frutífero e enriquecedor, o relacionamos cos episodios de maltrato que, con moita máis frecuencia da que quixeramos, son portada na prensa. 


Os profes que estivemos presentes durante a sesión quedamos abraiados polo interese que a actividade suscitou entre o alumnado, polo implicados e preocupados que se mostraron e polo entusiasmo co que acolleron a redacción dun novo conto (neste caso, politicamente correcto). 

Estamos desexando coñecer os resultados. Pero iso será nun próximo post. Polo intre, deixámosvos cunhas imaxes que ilustran á perfección o entusiasmo que vos temos descrito. 


(Preme na imaxe para ver máis fotos)

E aquí tendes as propostas didácticas elaboradas


(Preme na imaxe para acceder ó documento)

Comentarios

Entradas populares