Preparando o Entroido!!!!


O Entroido é unha festa popular que ten a súa orixe como indicación da fin do inverno e o comezo da primavera. Nel conflúen rituais cristiáns e pagáns, sendo a época na que se poden romper tódalas normas, cambiar de personalidade ou identidade e ironizar sobre as institucións máis asentadas. O Entroido é celebrado en toda Europa dende épocas descoñecidas. Non se sabe con certeza a súa orixe, algúns pensan que vén da tradición celta, outros afirman que os comezos desta festa, pódense atopar na adoración a Baco ou Dionisos.


Coa chegada do cristianismo, moitas das festas pagás, que eran antigamente celebradas foron tomadas e cristianizadas. Deste xeito, esta celebración que tiña posiblemente o seu significado na despedida dos longos e duros días do inverno, mesturouse coa despedida da carne antes do período de abstinencia da Coresma que comeza no día mércores de Cinza (é dicir "corenta días antes do domingo de Ramos).

É, sen dúbida, a festa máis irreverente do calendario galego. Foi por iso que se prohibiu durante outras épocas, malia que se mantivo vivo nas aldeas.


Aínda que o entroido é celebrado ao longo de toda Galicia, nas nosas aldeas, pobos, vilas e cidades; os entroidos máis famosos da nosa Comunidade son, sen dúbida, os ourensáns. Laza, Verín e Xinzo convértense por uns días nas capitais de Galicia. Os peliqueiros e cigarróns centran a atención dos visitantes, pero a dúbida asalta ao preguntármonos pola súa orixe: hai quen di que veñen dos cobradores de tributos dos condes de Monterrei, que posuían unha zamarra coa que castigaban aos morosos que non pagasen a tempo. Sen embargo, tanto Vicente Risco

coma Bouza Brey viron neles unha orixe moito máis antiga. Risco cría que proviña das asociacións secretas primitivas ou de ritos sagrados e Bouza supón que as súas orixes pertencen á prehistoria, coma unha evolución de vellas cerimonias tribais.



Outros protagonistas do Entroido son os "xenerais" en Boqueixón, Vedra, A Estrada, Vila de Cruces e Silleda; as Pantallas que dende o pasado domingo Corredoiro ata o día 1 de marzo percorren Xinzo de Limia, os “boteiros” e "foliós" en Viana do Bolo, as máscaras traballadas dos Volantes en Chantada , ademais dos xa coñecidos Cigarróns de Laza e Verín son algúns dos sinais desta festa que se pechará un mércores de cinza coa queima do Meco, o enterro da sardiña ou o enterro do Ravachol en Pontevedra.



Tempo para a diversión e para o bo xantar... porque outra compoñente -importantísima do Entroido galego- é a gastronomía: o lacón con grelos como prato forte, acompañado de doces como as orellas ou as filloas, son algunhas das comidas típicas destas festas.






BO ENTROIDO A TODOS E A TODAS!






























Comentarios