CHEGOU O DÍA DAS BIBLIOTECAS ESCOLARES


E con él, o Pergamiño Vindel.

Por fin, onte celebramos o Día das Bibliotecas Escolares. Unha festa moi esperada, pola expectación creada pola Maga Tomasa. Unha festa para aprender e para pensar. Unha festa moi grande, porque levamos máis dunha semana preparando este día.

Efectivamente: todo comezou o mércores pasado. Como lembraredes, a Maga Tomasa enviara unha carta a cada aula convocando ó alumnado a unha xuntanza na Biblioteca.



Pois ben, á hora sinalada, cada grupo acudíu puntualmente á cita. Xa na porta atopamos a primeira sorpresa: un sobre debaixo da imaxe da Maga Tomasa e dunha mensaxe que dicía: A Maga Tomasa di. Así que, como por alí non dicía nada máis, decidimos que, talvez, no sobre atoparíamos algunha pista.


Algo atopamos, aínda que non solucionamos gran cousa: un pasaporte co nome da nosa aula e un símbolo moi extraño que, algún neno ben cativo identificou como un código QR. Sergio, de 5 anos, díxonos que iso aparecía sempre nos ovos sorpresa, e que o seu pai o escaneaba para que el poidera descargar xogos na tablet. 




Mais... como escanear? Algúns opinaron que co ordenador, ou cun móbil, ou cunha tableta. Móbiles non tiñamos. O lector de códigos do ordenador está estropeado. Que facer...? Ó mellor a Maga Tomasa deixáranos unha nova pista dentro da biblioteca. Así que decidimos entrar con coidado. 

Realmente, a Maga Tomasa é máxica. Non tardamos moito en descubrir, enriba dunha mesa, unha tableta. Os alumnos xa experimentados aprendéronos a escanear o código. 


E... maxia potaxia! A propia Maga Tomasa falounos a través dun arquivo de audio. 


Coa información da Maga non nos resultó difícil atopar a caixa de correos. Alí marchamos en busca da primeira pista...


... que resultou ser un póster. 


Que representaría ese cartel? Algúns dixeron que un ascensor; outros que parecía un enxeño do futuro; e outro rapaz, que era a árbore do saber. A verdade é que, probablemente, todos tiñan razón, segundo comprobaremos polas nosas investigacións. 

Ante a incerteza, decidimos ler. Descubrimos un título no que a palabra PENSAR estaba ben resaltada. Pero, ademais, reparamos en que a expresión Biblioteca Escolar aparecía tres veces. Entón, analizamos unha por unha as imaxes incluídas en cada pompa. E, reflexionando, chegamos á conclusión de que todas elas (os contos tradicionais, as novas, a música, as artes, a lectura de evasión, o teatro, as exposicións orais, os audiovisuais, o aprender a estudiar, a investigación en ciencias, en definitiva, o mundo), tiñan cabida na Biblioteca Escolar. 

Xa non había duda. Podiamos completar a primeira parte do noso pasaporte: O 24 DE OUTUBRO CELEBRAMOS O DÍA DAS BIBLIOTECAS ESCOLARES.


A segunda parte preguntábanos polo título do noso proxecto. A verdade, non tiñamos nin idea. Así que houbo que volver á caixa de correos para descubrir a segunda pista. Eran cinco sobres con letras dentro. 

Sentamos en mesas, e cada grupo intentou compoñer a súa palabra. 







Tras varios intentos, decidimos que o título correcto debía ser: PALABRAS QUE TRAE O MAR

Tocaba a terceira pista! Máis sobres e un código QR. Outra vez escaneamos, e escoitamos a mensaxe da Maga Tomasa



E aquí, por arte de maxia, resultou que cada aula recibíu letras diferentes distribuídas en distintos sobres. 







Despois de compoñer as palabras, cada grupo de alumnos obtivo un verso distinto: 
      • Educación Infantil 5 anos: Ondas do mar de Vigo
      • 1º de Primaria: No sagrado en Vigo
      • 2º de Primaria: Ai ondas que eu vin ver
      • 3º de Primaria: Miña irmá fermosa vinde comigo
      • 4º de Primaria: Mandado teño comigo
      • 5º de Primaria: Cantas sabedes amar amigo
      • 6º de Primaria: Ai, Deus, saberá agora meu amigo
Buscando na caixa de correo atopamos a pista 4. Soamente dous folletos iguais.


Analizamos entre todos a portada do folleto. Pensamos que as letras vermellas podían corresponder ó nome do autor. O debuxo representando a un trovador parecía bastante antigo. O fondo tamén. O único moderno parecía ser o texto da parte inferior. 

Logo decidimos follear. Ó principio, textos informativos modernos. E, na páxina do medio, a foto dun documento realmente antigo no que descubrimos algúns pentagramas. 

Na seguinte páxina atopamos sete poemas. Decidimos ler o primeiro verso de cada un. E... maxia potaxia! Alí estaba o noso verso!

Xa só quedaban dúas pistas, e estas chegaron no mesmo sobre: 

E as respostas foron estas: 
  • O autor do noso verso é Martín Códax
  • O que chegou foi o Pergamiño Vindel
Por último, a Maga Tomasa deixounos un encargo: escribir o noso verso con letras bonitas para decorar o noso mural. Os nenos e nenas de 5 anos foron moi aplicados, e trouxeron o seu traballo os primeiros. Quixeron agasallar así á Maga Tomasa, xa que celebrábamos o aniversario das bibliotecas escolares. 




Pois xa vedes: un día no que disfrutamos e aprendemos moitísimo. Agora tocará investigar e rematar o noso mural. Pero iso contarévomolo noutra ocasión. Mestras tanto, deixámosvos coas fotos do día. Premede neste enlace para disfrutalas: 






Comentarios